Que é o Big Data e como nos afecta?

 
Que é o Big Data?
 
Internet e a xestión da información deu como resultado un novo concepto que nos afecta a todos, non se trata de algo que chegará no futuro, xa que se vén utilizando por centos de empresas para apoiarse na toma de decisións, ou por administracións para mellorar os servizos aos cidadáns.
 
Falamos do "Big Data", un concepto que poderiamos traducir como "Datos masivos", imos comezar aclarando en que consiste este concepto, unha posible definición formal sería:
 
"Big Data consiste en grandes volumes de datos con alta variedade de contido xerados con moita velocidade e en constante crecemento, que requiren novas formas de procesamento para permitir unha boa toma de decisións"
 
Os volumes de datos que se recollen e o seu tipo de procesamento son tan novidosos que obrigou as empresas a investir en novos modelos de bases de datos, xa que os tradicionais modelos relacionais quedaron anticuados, como nos explica a empresa IBM: Ligazón.
                     Big Data IMG.jpg

Polo tanto, Big data refírese a grandes cantidades de información sobre temas ou sectores diversos, que crecen dun xeito rápido e que son analizados e estruturados, de maneira que unha visión xeral do que indica toda esa enorme cantidade de información nos permitirá anticiparnos a futuros problemas, saber con antelación cara a onde evolucionará un sector, ou será de vital importancia para tomar unha decisión importante.
 
A explosión da información non é polo tanto nada novo, o gran cambio que supón o Big Data é que agora podemos procesar e analizar datos que ata agora eran imposibles. Así Matt Aslett define Big Data como "a análise dos datos que foron ignorados anteriormente debido ás limitacións da tecnoloxía".
 
De onde sae toda esa información e quen a xera?
 
Xeramos cada día enormes cantidades de información (veremos exemplos máis adiante), nas diversas industrias a través das súas compañías mantéñense titánicos rexistros de información sobre clientes, provedores, operacións...
 
No sector público tamén acontece, en moitos países adminístranse enormes bases de datos que conteñen datos de censo de poboación, rexistros médicos, impostos, etc.
 
Se a todo isto lle engadimos as redes sociais, onde a diario se comparten millóns de datos persoais, fotografías, opinións... temos xa unha cantidade de información inabarcable con métodos tradicionais.
 
Ademáis temos que engadir a información que as máquinas xeran sobre as nosas actividades, algo que hoxe en día está en pleno crecemento grazas ao auxe dos teléfonos intelixentes, e aos dispositivos wearable (que se visten), pulseiras que contan os pasos que damos cada día, a calorías que queimamos... e soben toda esta información a internet, algo que xa están en plena investigación no sector sanitario. Pronto dispositivos similares integrados en lentes ou pezas de vestir serán comúns.
 
Aplicacións do Big data
 
No sector sanitario, un dos que máis posibilidades ten de ser transformado polo Big Data, establécense habitualmente os seguintes campos nos que se pode mellorar de xeito substancial:
 
  • Investigación e secuenciación do xenoma
  • Operativa clínica
  • Autoaxuda e colaboración cidadá
  • Atención e medicina personalizadas
  • Monitorización remota de pacientes
  • Seguimento de pacientes crónicos
 
Pero a investigación en Big Data levou a melloras de todo tipo, por exemplo na cidade de Seattle optimizouse o consumo de enerxía nun 25% sen que isto afecte ao cidadán, grazas ás análises dos datos masivos de consumo enerxético. En Lyon, grazas á análise dos datos de tráfico, as autoridades na materia poden anticiparse ás concentracións de vehículos, e manter constante o fluxo.
 
Os exemplos son xa moi numerosos, en seguridade, na predición de zonas nas que serán necesarios servizos de urxencias sanitarias, entender procesos demográficos, identificar problemas sociais, detectar riscos de pandemia e moitas outras.
 
Dez datos que nos axudan a entender a inmensidade do Big Data
 
Ás veces, cando falamos de Big Data ou Datos masivos, é complicado entender ata que punto nos encontramos ante datos de tal volume e velocidade de crecemento. Imaxinar a cantidade de información que producimos resulta arduo, por iso, imos ver dez exemplos que nos axudarán a visualizalo:
 
1 - Cada dous días, creamos tanta información como dende o inicio da civilización, ata 2003.
 
 
2 - Arredor do 90% da información que se xerou no mundo fíxose nos últimos dous anos.
 
 
3 - Espérase que no ano 2020 a cantidade de información dixital existente creza dos 3.2 zettabytes actuais aos 40 zettabytes.
 
 
4- A cantidade total de información que captura e almacena a industria multiplícase por dous cada 1,2 anos.
 
                                    20-social-media-icons.png

5- Cada minuto, enviamos 204 millóns de emails, xeramos 1,8 millóns de Gústame" en Facebook, enviamos 278.000 tweets, e subimos 200.000 fotos a facebook.
 
 
6- Só en Google, procésase unha media de 40.000 buscas por segundo, 3,5 billóns nun só día.
 
 
7- Sóbense a Youtube 100 horas de vídeo cada minuto, levaríalle 15 anos ver todos os vídeos que soben nun día.
 
 
8- Os usuarios de Facebook comparten 30 billóns de contidos únicos (fotos, vídeos, mensaxes...) nun só día.
 
 
9- Unha media de 1.570 novos sitios webs créanse cada día.
 
 
10- En 2014, houbo sobre 1,2 billóns de smartphones no mundo (todos eles cheos de funcións de recolección de datos e sensores) e o número seguirá crecendo en 2015.
 
Ligazóns:
 
 
BTicon.png