1. Google Scholar Citations

 
Todos coñecemos Google Scholar ou Académico (GS) (http://scholar.google.es/) como unha base de datos de uso gratuíto que se consulta dende o seu buscador google, especializado en artigos académicos e científicos. Os resultados inclúen enlaces a outros artigos que citan ao documento escollido e proporciona ao lado de cada referencia o número de citas recibidas na Web. Estas dúas funcionalidades, o que nos proporcione nova información similar e actualizada a partir dun artigo coñecido, e que nos proporcione índices de citacións ( que antes só podiamos obter dende JCR de Thomson WOS ou SJR de Scopus) convérteno nunha ferramenta interesante para a investigación e a bibliometría. Tamén o caracteriza que ofrece acceso ás versións en aberto dispoñibles do texto completo.

 

O servizo de citas de Google Académico (Google Scholar Citations) (http://scholar.google.com/citations?hl=en), permite aos autores crear un perfil de autor público, que lles permite realizar un seguimento das citas dos seus artigos na Web, coñecer quen os cita e cantas veces os citan e aparecer nos resultados de google scholar cando a xente busque polo seu nome, así como coñecer o seu índice H. Os seus indicadores de citas recalcúlanse de forma automática en canto Google localiza novos artigos da súa autoría, ou se actualizan de forma manual polo propio autor.
 
En4578Hniscasa.png

 Fig. 1. Imaxe de google académico coas opcións das miñas citas, alertas, estatísticas, e outras opcións personalizables. Aparecen ao identificarnos co noso usuario google/contrasinal

 

 

Como crear un perfil en Google Scholar Citations? 1
-Hai que crear unha conta de google ou de Gmail (correo-e), ou se xa a temos creada, iniciamos sesión na conta de google.
- Dende http://scholar.google.com/citations?hl=en confirmamos o nome e incluímos afiliación institucional, áreas de interese, correo electrónico de verificación, unha páxina web se temos, e marcamos a opción de facer público noso perfil. Permítenos subir unha foto.
-A continuación móstranos grupos de artigos onde aparece o noso nome ou parecido e que GS detecta como nosos. Hai que ir engadindo os artigos que son nosos. Tamén se poden buscar os artigos, para logo engadilos.
-Podemos facer actualizacións automáticas do noso perfil ou facelas de forma manual
-Cando vexamos o noso perfil, podemos facer os cambios que queiramos, só coa opción editar. Podemos crear alertas co noso nome ou con áreas de interese.
2.png
 
Fig. 2. Edición de datos

 

 

 

 
3.png

 

Fig. 3. Introdución manual de artigos

 

 

Por que crear un perfil público en Google Scholar Citations?
Crear este perfil público, aumenta a visibilidade dun investigador e, crear este perfil público, fortalece a súa reputación e identidade dixital ( 1, 3, 4, 5 ).Tamén difunde as nosas publicacións, mantén actualizado noso CV, permítenos coñecer o noso índice h, e saber quen nos cita e quen traballa no noso ámbito, e seguilos, ademais de recibir alertas de quen nos cita e de novos traballos.

 

Isidro Aguillo e o Laboratorio de Cibermetría acaban de publicar, en fase Beta aínda, o ranking de científicos en Institucións galegas (2) (entre outros como o top de científicos en institucións catalás, ou o de científicos do CSIC) de acordo aos seus perfís públicos en Google Scholar.

 

Neste TOP 500 aparecen algúns autores dos nosos hospitais doSergas que están dados de alta en Google Scholar Citations. http://research.webometrics.info/en/node/66
 
O obxectivo deste traballo é animar aos que aínda non teñan perfil público en Google Scholar Citations a darse de alta. Non só é doado e rápido, senón que mostra de forma moito máis completa que os sistemas de pagamento a achega e impacto da vosa actividade.

 

2. Altmetrics, outras métricas alternativas
Coas novas tecnoloxías xurdiron novas ferramentas sociais que se fixeron moi populares como medios de difusión e comunicación científicas: Twitter, Facebook, Slideshare, youtube, Mendeley,Zotero, blogs e repositorios de acceso aberto...
 
Estas novas ferramentas xeran tamén novas estatísticas e indicadores: retweets, Me gusta, seguidores, mencións, comentarios e enlaces por entradas de blogs, descargas e vistas de artigos de repositorios, e incorporación e lecturas nos xestores bibliográficos e as súas listas de bibliografías, citas recibidas enWikipedia, etc. Estas ferramentas permiten ampliar os ciclos de difusión dos artigos científicos e permiten cuantificalo (6).
Estas métricas alternativas recollen as mencións de artigos académicos de todas as partes da Web mediante a recompilación de mencións nos xornais, blogs, redes sociais e outros sitios web. Algunhas destas ferramentas como Almetric.com, en cuestión de minutos, permiten ao autor ou á institución dispoñer dos datos almétricos para mostralos na súa plataforma ou aplicación.
 
Altmetrics (http://www.altmetric.com/ ) avalía a actividade científica dos medios sociais. Mide o impacto social que teñen as nosas investigacións. Temos que relacionalas coa utilidade e o interese que espertan os documentos científicos na sociedade. En resumo, estas estatísticas alternativas poden ser útiles para diagnosticar a popularidade dun artigo e a súa probabilidade de lectura.
Temos que ver estes indicadores como lecturas complementarias do impacto científico institucionalizado como son JCR da WOS ouScimago JR.
4.png
 
Fig. 4. Algunhas revistas informan, ademais do FI, dos indicadoresAltmetrics

 

 

 
5.png
Fig. 5. Detalle das medicións Altmetrics nun artigo

 

 

Referencias bibliográficas para saber máis:

 

 1. Alonso Arévalo, J. Como crear perfil de investigador en Google Scholar Citations . Disponible en : http://es.slideshare.net/jalonsoarevalo/como-crear-perfil-de-investigador-en-google-scholar-citations
2. Ranking of scientists in Galician Institutions according to their GSC public profiles. Disponible en: http://research.webometrics.info/en/node/66
3. Torres Salinas. Cómo utilizar google scholar para mejorar la visibilidad de nuestra producción científica. Disponible en:  http://es.slideshare.net/torressalinas/cmo-utilizar-google-scholar-para-mejorar-la-visibilidad?related=1
4.Torres Salinas. Como gestionar tu impacto científico: alertas y perfiles. Disponible en: http://es.slideshare.net/torressalinas/como-gestionar-tu-impacto-cientfico-alertas-y-perfiles?related=2
5. Torres Salinas. Egociencia reputación on-line para científicos. Disponible en: http://es.slideshare.net/torressalinas/torres-salinas-egociencia-reputacin-online-para-cientficos?related=3
6.Torres Salinas.  Altmetrics indicadores, utilidades y limitaciones. Disponible en:  http://es.slideshare.net/torressalinas/altmetrics-indicadores-utilidades-y-limitaciones?related=4